martes

Unhas horas para lembrar toda a vida...

Onte vivín unha tarde moi especial.

Unha boa parte dos veciños e veciñas deste pobo -ao que sempre agradecerei a boa acollida que me deu hai xa un par de décadas- xuntaron esforzos, traballo e ilusión para organizar un acto cultural e festivo arredor de "O agasallo de Anya".

Non teño palabras para expresar e agradecer o ben que me fixeron sentir e só quero insistir no protagonismo que todas e todos eles teñen nesta humilde novela infantil pois, como xa dixen onte, se eu non vivise en Muimenta se cadra escribía algo pero nunca sería cun argumento baseado na solidariedade e bondade dos seus personaxes claramente inspiradas nos grandes veciños desta pequena vila...

Precisamente porque non me resulta doado atopar palabras, quero compartir con vós unha escolma de fotos da tarde de onte desexando que poidades, deste modo, gozar comigo desta experiencia que me surtiu de endorfinas de por vida.



As amigas e amigos de "Xaora" deleitáronnos coa súa música achegando unhas boas doses de alegría e festa.



O escenario non podía ser máis acolledor (este Pepe da Gloria ten un gusto exquisito), alí nos presentou Noelia cedéndolle primeiro a palabra a Ramiro e a Nazaré para falaren da nosa amizade, a meu irmán Singala a continuación e rematamos coa miña intervención.








A continuación brindáronme a posibilidade de asinar moitos, moitos libros podendo expresar así por escrito o meu agradecemento a todas as persoas que se achegaron onte a min.








Ao mesmo tempo Pepe e Montse quentaban un viño con azucre que nada tiña que envexar ao "vinito español" doutros eventos similares, e así seguimos gozando desta xornada festiva e cultural que nunca esquecerei.





GRAZAS!!!

Ningún comentario: