sábado

No CEIP Lagostelle de Guitiriz

Hai xa case un ano, a mediados do mes de abril de 2020, o CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz programaba a miña visita para compartir, co seu alumnado, a que prometía ser unha mañá marabillosa. Non puido ser, impedíunolo a alerta sanitaria por COVID19.

Este ano intentámolo de novo e fomos quen de, contando con todas as medidas de seguridade necesarias, pasar unha mañá inesquecible no seu colexio.

Alá fomos Xiana e mais eu en canto nolo propuxo de novo a profesora de inglés e amiga, Mónica. 

O alumnado de 5º recibiunos con moita curiosidade, interese e grandes coñecementos sobre "O agasallo de Anya" e a vida das dúas protagonistas desta novela. Pareceume impresionante todo o traballo que desenvolveron previo á miña visita, foi co seu titor Juan Carlos que, malia estar xubilado, acudíu ao colexio para pasar a mañá con nós. Grazas!

Foi moi gratificante para min charlar cun alumnado tan motivado e interesado nas vivencias de Anya, Xiana e nas miñas propias ;)



Falamos de "O agasallo de Anya" e tamén de "Relatos en potencia".  Asinei no Libro de Visitas da biblioteca e a profe Lucía fotografiounos dentro e fóra do colexio. Grazas a ela, podo compartir con vós esta reportaxe dun día tan bonito.





Falando de "agasallos", recibín da súa man un dos máis ilusionantes da miña vida: protagonizar xunto con elas e eles o mes de abril do seu particular calendario dedicado ás escritoras galegas. 


GRAZAS por tanto!!! 

mércores

No IES Sanxillao de LUGO

Despois de máis dun ano sen visitar colexios nin institutos debido á complicada situación sanitaria que estamos a vivir, neste mes de decembro desprazámonos novamente Xiana e mais eu para visitar aos grandes lectores de 1º de ESO do IES Sanxillao de Lugo, en concreto, ao alumnado de 1º D e 1º E. Convidounos María, a súa profe de Lingua e literatura galega, despois de leren na aula "O agasallo de Anya".

A nosa visita non puido estar mellor organizada nin mellor publicitada con esta fermosura de cartaz que crearon María Ánxeles e Claudia, alumnas de 2º de Bacharelato na modalidade de Artes. Conseguiron emocionarme coa súa obra que, desde aquel día, loce nun precioso marco no meu cuarto de estudo. Grazas, moitas grazas!

No Salón de Actos, gardando distancias de seguridade e ocultando os nosos sorrisos tras as pertinentes máscaras, pasamos algo máis de hora e media falando arredor de "O agasallo de Anya". O acto comezou cunha inmerecida presentación feita por un alumno e unha alumna, a continuación deleitounos Alberto co seu acordeón e despois, co listón tan alto, tratei de falar sobre o libro que eles leron contestando a unha morea de preguntas que tiñan preparadas para min. Penso que non nos quedou ningún detalle nin curiosidade por comentar.

Sempre me resultan moi interesantes estes encontros co alumnado, en cada colexio ou instituto que visito sorpréndenme coas súas interpretacións do que eu escribín, coas súas inquedanzas e conclusións. Neste caso, volvín tamén sorprendida con todo o material que elaboraron arredor do libro e que demostra que son grandes artistas ademais de bos lectores pois, sen dúbida, foron quen de captar con precisión o contido da noveliña que leron. 

Moitas grazas por aprenderme tanto!!!



Déixovos unhas imaxes da xornada para que vexades o marabilloso que foi pasar ese par de horiñas xuntos ;)






 GRAZAS!!!

luns

No CEIP Ramón Falcón

A última visita deste curso foi moi preto da casa o día 27 de maio. Xiana e mais eu acudimos ao Colexio de Castro de Rei, para estar coas nenas e nenos de todos os cursos deste CEIP.

Recibiunos Sonia e algunha das súas compañeiras, ela é unha profe á que xa coñeceramos nunha visita que fixemos ao cole de Alfoz hai un par de anos. 
Igual que daquela, estivemos encantadas co alumnado de Castro de Rei aos que contamos as aventuras de Anya e Xiana, contestamos ás súas preguntas, escoitamos a cantidade de cousas que sabían sobre Ucraína e a realidade das nenas e nenos que viven alá en orfanatos. Mesmo nos falaron do accidente do reactor nuclear de Chernobil!
Hai que ver cantas cousas aprendemos en cada visita!!!

Déixovos unhas fotos que recollen o ben que o pasamos na Falconteca que é a acolledora biblioteca do seu cole.










Moitas grazas por tan marabillosa acollida!!

sábado

Fomos a VIGO!

O pasado día 9 Xiana e mais eu vivimos unha xornada tan completa como gratificante. Madrugamos, subimos ao coche e puxemos rumbo a Compostela, alí aparcamos para dirixirnos á Estación de Ferrocarril. Que ilusión nos fixo viaxar neste medio!!


Á chegada a Vigo, atopamos agardando por nós a Naír que é a profesora de galego do alumnado de 1º da ESO no IES de Teis. Con ela fomos coñecer a esas rapazas e rapaces que se interesaron por "O agasallo de Anya" despois de lelo durante o primeiro trimestre do curso e mesmo gravar unha película sobre a historia das dúas protagonistas da novela: Xiana e Anya.
Para min foi un encontro moi especial durante o que gocei da compañía e inquedanzas dos dezasete alumnos e alumnas de Naír e dela mesma. 
Moitas grazas por tan fantástica acollida!!






Ao remate, Xiana e mais eu fomos pasear á zona do porto e camiñamos tamén polas estreitas rúas e grandes avenidas desta cidade. Paramos para xantar na zona vella e... moito nos prestou!


Continuamos a nosa expedición camiñando ata o Colexio María Auxiliadora Salesianos onde nos esperaba Fernando da Editorial Galaxia e Alberto que é o profesor de galego das nenas e nenos que cursan 5º de Primaria nese colexio.
O alumnado de 5ºA e 5ºB dirixiuse á Biblioteca e alí estivemos conversando, atendendo ás súas inquedanzas, curiosidades e intentando responder ao cento de preguntas que aqueles lectores tiñan preparadas para min. Conseguiron sorprenderme, unha vez máis, do ben interiorizada que teñen a historia das dúas protagonistas desta noveliña que tantas satisfaccións me dá. Moitas grazas!







E á tardiña repetimos o percorrido, pero desta volta fixémolo no sentido inverso e con paradiña para cear en Compostela con Iago e Ánxela.


O día non puido estar mellor aproveitado!

No CEIP de Muimenta

O día 2 de maio achegueime a primeira hora da mañá ao colexio de Muimenta. A piques estiven de ir no Autobús Escolar que pasou por diante da porta da casa cinco minutiños antes de saír eu cara ao cole.
Nin que dicir ten que me fixo moita ilusión acudir a falar de "O agasallo de Anya" e da importancia da lectura ao colexio no que os meus fillos e fillas aprenderon a ler.

Reuninme na Biblioteca con todo o alumnado do colexio que son arredor de cincuenta nenas e nenos de Educación Infantil e Primaria. Conteilles un contiño, falamos do libro e comentamos cousas da vida... Para min foi moi gratificante e enriquecedor, agardo que aquelas criaturas tamén garden un bo recordo do día en que a súa veciña lles foi falar e contar.




GRAZAS, veciñanza!!! ;)

DÍA do LIBRO

O pasado día 26 de abril celebrouse en Meira (Lugo), o Día do Libro da man da ANPA do CEIP Avelino Díaz e coa colaboración do Concello.




Foi marabilloso ver aquel Salón de Actos da Casa da Cultura de Meira cheo de nenas, nenos e xente maior que os acompañaba. Tiven o gran privilexio de iniciar o acto falando de "O agasallo de Anya" como libro, sentinme moi feliz observando a atención e curiosidade dos nenos, pero tamén a das nais e pais nos que recoñecín a moito daquel alumnado ao que dei clase no Instituto de Meira desde o ano 1991 ata o 1995. 




Coas miñas palabras e moita emoción dei paso á actuación esperada por tan prezado público. Foi a representación de "O agasallo de Anya" por parte de Teatro Marionetas Trécola quen, unha vez máis, fixeron gozar a un público ilusionado e entregado que non perdían detalle da historia que Anya e Xiana ían escenificando da man de Isa e Ero.






Ao remate, as nenas e nenos que así o quixeron, tiveron a oportunidade de fotografiarse coas protagonistas do espectáculo así como de coñecer os currunchos máis ocultos dun escenario preparado para a representación de teatro de marionetas con diversas técnicas e de diferentes tamaños.



 Foi espectacular unha vez máis. GRAZAS!!!