luns

No IES de Ribadeo!!

O día 12 de xuño pasei unha das mellores tardes que me leva proporcionado "O agasallo de Anya".

Aproveitando que no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo teñen clase os luns pola tarde, alá me fun despois de rematar a miña xornada na Pontenova. Comigo levei as marionetas Anya e Xiana que, desde que remataron a súa xira por teatros galegos, acompáñanme nas visitas aos colexios e institutos. 

Eu ía moi contenta con elas, pero abraiada quedei cando entrei na aula e vin que sobre os pupitres do alumnado tiñan cadansúa marioneta feitas a partir de calcetíns coa axuda da súa profesora de lingua galega, Vanesa. Alí estaban as súas particulares Anya e Xiana, pero tamén a señora Ludmila, o Brais, Sasha, a mestra Icía... a cal máis bonita e creativa. Mirade que preciosidades!


A Mariña é sempre un destino marabilloso, pero compartir parte da tarde alí con amigas, antigas compañeiras, ex alumnas e o seu alumnado de 1º de ESO e mais da Unidade de Educación Especial foi para min unha gran experiencia máis que enriquecedora e da que tirei grandes aprendizaxes.

Foi moi agradable falarmos arredor das súas lecturas e de todo o que os sorprendeu ou chamou a atención na historia das dúas protagonistas desta noveliña que tan bos momentos me dá. 





Cando rematamos a nosa conversa, sorprendéronme cuns preciosos agasallos personalizados con textos da novela. Que ilusión máis grande!

 


Rematamos a sesión facéndonos unha foto de grupo coas súas marionetas e, pola miña parte, segura de que nunca na vida esquecerei o encontro cun alumnado tan especial.


Moitas grazas!!!


Ningún comentario: