sábado

Fomos a VIGO!

O pasado día 9 Xiana e mais eu vivimos unha xornada tan completa como gratificante. Madrugamos, subimos ao coche e puxemos rumbo a Compostela, alí aparcamos para dirixirnos á Estación de Ferrocarril. Que ilusión nos fixo viaxar neste medio!!


Á chegada a Vigo, atopamos agardando por nós a Naír que é a profesora de galego do alumnado de 1º da ESO no IES de Teis. Con ela fomos coñecer a esas rapazas e rapaces que se interesaron por "O agasallo de Anya" despois de lelo durante o primeiro trimestre do curso e mesmo gravar unha película sobre a historia das dúas protagonistas da novela: Xiana e Anya.
Para min foi un encontro moi especial durante o que gocei da compañía e inquedanzas dos dezasete alumnos e alumnas de Naír e dela mesma. 
Moitas grazas por tan fantástica acollida!!






Ao remate, Xiana e mais eu fomos pasear á zona do porto e camiñamos tamén polas estreitas rúas e grandes avenidas desta cidade. Paramos para xantar na zona vella e... moito nos prestou!


Continuamos a nosa expedición camiñando ata o Colexio María Auxiliadora Salesianos onde nos esperaba Fernando da Editorial Galaxia e Alberto que é o profesor de galego das nenas e nenos que cursan 5º de Primaria nese colexio.
O alumnado de 5ºA e 5ºB dirixiuse á Biblioteca e alí estivemos conversando, atendendo ás súas inquedanzas, curiosidades e intentando responder ao cento de preguntas que aqueles lectores tiñan preparadas para min. Conseguiron sorprenderme, unha vez máis, do ben interiorizada que teñen a historia das dúas protagonistas desta noveliña que tantas satisfaccións me dá. Moitas grazas!







E á tardiña repetimos o percorrido, pero desta volta fixémolo no sentido inverso e con paradiña para cear en Compostela con Iago e Ánxela.


O día non puido estar mellor aproveitado!

Ningún comentario: