mércores

No IES Sanxillao de LUGO

Despois de máis dun ano sen visitar colexios nin institutos debido á complicada situación sanitaria que estamos a vivir, neste mes de decembro desprazámonos novamente Xiana e mais eu para visitar aos grandes lectores de 1º de ESO do IES Sanxillao de Lugo, en concreto, ao alumnado de 1º D e 1º E. Convidounos María, a súa profe de Lingua e literatura galega, despois de leren na aula "O agasallo de Anya".

A nosa visita non puido estar mellor organizada nin mellor publicitada con esta fermosura de cartaz que crearon María Ánxeles e Claudia, alumnas de 2º de Bacharelato na modalidade de Artes. Conseguiron emocionarme coa súa obra que, desde aquel día, loce nun precioso marco no meu cuarto de estudo. Grazas, moitas grazas!

No Salón de Actos, gardando distancias de seguridade e ocultando os nosos sorrisos tras as pertinentes máscaras, pasamos algo máis de hora e media falando arredor de "O agasallo de Anya". O acto comezou cunha inmerecida presentación feita por un alumno e unha alumna, a continuación deleitounos Alberto co seu acordeón e despois, co listón tan alto, tratei de falar sobre o libro que eles leron contestando a unha morea de preguntas que tiñan preparadas para min. Penso que non nos quedou ningún detalle nin curiosidade por comentar.

Sempre me resultan moi interesantes estes encontros co alumnado, en cada colexio ou instituto que visito sorpréndenme coas súas interpretacións do que eu escribín, coas súas inquedanzas e conclusións. Neste caso, volvín tamén sorprendida con todo o material que elaboraron arredor do libro e que demostra que son grandes artistas ademais de bos lectores pois, sen dúbida, foron quen de captar con precisión o contido da noveliña que leron. 

Moitas grazas por aprenderme tanto!!!



Déixovos unhas imaxes da xornada para que vexades o marabilloso que foi pasar ese par de horiñas xuntos ;)






 GRAZAS!!!

Ningún comentario: