martes

Volvín á Illa de Arousa!!!

Veño de vivir outra desas experiencias inesquecibles que tanto me axudan a medrar como persoa.

Despois da visita do curso pasado ao alumnado de 6ºA e 6ºB do CEIP Torre Illa na Illa de Arousa, este ano repetín destino xa que me convidaron de novo para intercambiar opinións sobre "O agasallo de Anya" co novo alumnado de 6º que vén de ler a miña novela.

Prepareilles unha sorpresa, pois hoxe acompañáronme na viaxe as dúas protagonistas da novela. Marionetas Trécola agasalloume coas bonecas que representaron a Xiana e Anya no seu espectáculo de monicreques desde o pasado ano 2017.



Estiven co alumnado de 6ºA na súa aula e a continuación co de 6ºB na del desfrutando dunha mañá marabillosa. Malia desenvolver os encontros na aula, houbo un momento para pasar pola biblioteca e fotografiarme con Libria, a súa mascota que sempre me recibe co mellor dos sorrisos e desta volta mesmo me chiscou un ollo.


Coma sempre, foi moi agradable charlar cun alumnado tan motivado e que tan ben comprende, e tan traballada ten, a trama da miña novela. 





E antes de despedirnos, pasei polo seu estudo de radio, Radio Carcamán, para participar nunha entrevista que semellaba realizada por auténticos profesionais do xornalismo. Deixáronme abraiada e case sen palabras!!


Xulgade vós mesmas a súa profesionalidade e comprenderedes a admiración que sinto por esta boa xente. 
Grazas, Ali. Grazas CEIP Torre Illa!!!

Ningún comentario: