domingo

"O agasallo de Anya" viaxará ao Sahara...

... e eu non podo estar máis contenta!!!

Da man da miña amiga Noemí, e dentro de tres semaniñas tan só, "O agasallo de Anya" estará no deserto. Si, no deserto, concretamente en Khamlia que é unha pequena localidade situada ao leste de Marrocos, ao pé das dunas de Erg Chebbi e ás portas do Deserto do Sahara. A súa poboación é de pouco máis de trescentos habitantes que son mestura de bereberes, árabes e membros de diferentes tribus de orixe sub-sahariana.



Pois ben, para alí levará Noemí (e mais Iago e Antón) un par de exemplares da miña novela para seren contados e traballados cun grupo de rapaces e rapazas da pequena escola local.
A que é un proxecto ben interesante?


Para levalo adiante, Moha que é o seu mestre e dinamizador e ao que podedes ver na foto xunto co seu alumnado, está agora mesmo traducindo ao árabe o texto resumido e adaptado que lle enviamos en español xunto coas ilustracións da novela.

Noemí contaralles, na escola, a historia de Anya e Xiana en español mentres vai proxectando esa versión particular en árabe que andamos a artellar nestes días. O dialecto bereber que eles falan é o amazigh pero cóntanos Moha que na escola comunícanse utilizando árabe ou ben francés.


A cada un dos dezaseis rapaces e rapazas que participarán na actividade farémoslle chegar, como recordo desta experiencia arredor de "O agasallo de Anya", un pequeno e particular "diario" xunto cun bolígrafo para que eles e elas, igual que Anya, tamén teñan oportunidade de expresar por escrito o seu sentir.


Completarán a actividade confeccionando, coa axuda de Noemí, unhas fardeliñas de tea nas que poderán gardar o seu pequeno diario como fixo Anya no seu momento...


Con esa finalidade, o pasado venres pola tarde estivemos as dúas facendo probas, organizando ideas, cosendo teas e charlando ilusionadas arredor desta fantástica actividade. Pero que ben o pasamos!!!


Moitas grazas Noemí, por pensar en Anya, en Xiana e mais en min para desenvolver o teu proxecto en Khamlia. Agardo que sexa unha experiencia moi positiva para ti, para vós, pero tamén para todos eses nenos e nenas que terán a sorte de pasar unha xornada contigo na súa escola.

Ao seu regreso, ou mesmo desde alí se hai posibilidade, contarémosvos como resulta a idea, pero... a que pinta ben?


8 comentarios:

Catuxa dixo...

que idea tan xenial. Con estes proxectos educativos polo mundo dá gusto.

Rato Fumador dixo...

Ben sei que igual non é o lugar máis axeitado para facer esta pregunta mais levo tempo querendo ter unha igual: Onde pode mercarse a camisola que levas na última foto?

Susana Losada dixo...

Que ganas de ler o libro!! e que proxecto tan bo. Fun compañeira de Xosé Tomás varios anos e é un puntazo que as ilustracións sexan del

Sabela dixo...

Si Catuxa. Alégrame un montón que che guste. Vai ser unha experiencia alucinante para todas as partes!
Grazas! Un bico.

Sabela dixo...

Hahahaha...
A camisola é de Caramuxo, a verdade é que xa ten uns anos e non sei se lles quedarán pero podes intentalo.
www.caramuxo.com ;)
Un saúdo, Ratiño!

Sabela dixo...

Que guai que che apeteza lelo Susana. A min tamén me vai prestar un montón ler a túa crítica ;)
E si, penso que fuches a primeira persoa que se me veu á cabeza, nunha clara asociación, cando tomamos a decisión de que o ilustrase Xosé Tomás. Sen dúbida, soubo mellorar o texto considerablemente ;)
Grazas. Un biquiño!!!

NOEMI dixo...

Grazas a ti veciña!!! Non podería levar mellor historia conmigo que a da túa Xiana e a túa Anya!!! Eu encantada de levalas e de levarte a ti tamén de algún maneira...Sei que os rapazas e rapaces de Khamlia van a disfrutala un montón.Cando ando de viaxe nunca me apetece volver, pero desta vez estarei desexando chegar a casa para contarcho todo.

bicos

Sabela dixo...

Ohhhhh!!! Grazas Noe.
A min tamén me tarda que marchemos xa. Habémolo pasar moi ben, vós alí e eu aquí pero gozando con todo o que me vaias contando.
Que ilusión máis grande!!!
Un bico.