Hoxe fun ás Moas vivir unha xornada marabillosa e chea de aprendizaxes. Alí é onde está a Escola Semente Compostela que comeza así a súa presentación para quen non a coñezades: "Somos umha escola sem ánimo de lucro, de pedagogia transformadora ao serviço dos interesses populares. Queremos ser, como comunidade educativa, parte ativa dumha sociedade diversa e em movimento e trabalhar com o resto de coletivos locais e internacionais pola justiça social no mundo. O projeto educativo de Compostela oferece a possibilidade de escolarizar crianças de 2 a 12 anos (em infantil e primário) numha escola homologada polo governo galego e acreditada por NEASC (New England Association of Schools and Colleges)."
Tedes máis información sobre o proxecto neste enlace ou premendo sobre a imaxe.
Cheguei á Escola e sentinme como quen chega a casa dunhas amigas facerlles unha visita. Estiven na sala na que habitualmente a profe Sara desenvolve o obradoiro "Moito conto", alí nos recibiron a Xiana e Anya de Marionetas Trécola, á boneca Lía e mais a min que viaxamos esa mañá desde Muimenta para compartir tempo e ilusión con ela e mais coas crianzas de 5º e 6º de Primario.
Axiña nos acomodamos canda elas e compartimos un par de horiñas estupendas falando sobre "O agasallo de Anya", fixémonos multitude de preguntas e fómoslle buscando resposta a todas elas. Conteilles a miña experiencia persoal que deu lugar á novela e resultoulles moi curioso ver imaxes da profe de Infantil, Xela, como filla miña con pelo longo, lentes e dez anos menos!!!
Se xa me sentía eu súper feliz coa súa acollida, aínda o estiven máis descubrindo a escola e o quintal da man de Tiago e Vera que me explicaron cada curruncho con detalles e anécdotas... E aínda uns días despois recibín este comentario no blog que me fixo de novo sorrir agradecida por unha xornada para non esquecer nunca!
Obrigada! Sodes Sementes de Vencer!!!