luns

No CEIP A Ramallosa

O pasado día 19 de maio, co gallo das Letras Galegas, fun convidada polo CEIP A Ramallosa, no Concello de Teo. Alí compartín unha mañá primaveral co alumnado de 5ºA, 5ºB, 5ºC e o seu profesorado.

Estivemos no Salón de Actos xunto cunha marabillosa exposición de ecosistemas construídos por eles mesmos con todo luxo de detalles. Canto aprendo cada vez que visito un colexio!

Falamos arredor de "O agasallo de Anya", conteilles "O soño de Lía" a modo de introdución e fixéronme ducias de preguntas con moito interese na historia de Xiana e Anya, protagonistas desta noveliña que tan bos momentos me fai pasar.


 
Honráronme pedíndolles que asinase no "Libro de visitas" do colexio ademais de facelo nos seus exemplares de "O agasallo de Anya".



Antes de despedirnos, acudín con Martina, Bruno, Gael, Tania, Nana e Iván e os seus profes Fran, Óscar e Chus ao estudo de radio desde onde emiten para os "Radio Ramalloseir@s" e alí me fixeron unha fantástica entrevista. Que grandes son!!!

A verdade é que quedei impresionada e feliz despois de gozar dunha mañá fantástica. Grazas!!!

Ah! Déixovos por aquí tamén a entrevista completa para que quede constancia das grandes xornalistas que poden chegar a ser estas rapazas e rapaces de Teo. 



aaas

xoves

Anya e Xiana en Redondela!

Entre os pasados días 15 e 21 de maio, celebrouse en Redondela a vixésimo cuarta edición do Festival Internacional de Títeres que trouxo compañías de diferentes países e continentes.

Este ano o festival contou cunha homenaxe, polo seu 40º aniversario, a Marionetas Trécola que hai uns anos adaptaron "O agasallo de Anya" como espectáculo teatral e con el percorreron diferentes vilas de Galicia e mesmo Portugal.


Como parte dese recoñecemento, moitos dos escaparates de Redondela exhibiron durante este mes diferentes pezas realizadas por esta Compañía amiga. Entre elas, Anya e Xiana que tiveron a honra de adornar o escaparate da librería "La Imprenta" sendo admiradas pola multitude de persoas que encheron nesta época as diferentes rúas, prazas e outros escenarios da vila.



Que contentas e orgullosas están de pasar estes días nas Rías Baixas! 
Moito traen que contar!!!   ;)

domingo

No CEIP O Mosteirón de SADA

O venres, día 21 de abril, fun convidada a celebrar o Día do Libro no CEIP Plurilingüe O Mosteirón de Sada, na provincia da Coruña.

Foi unha viaxe ben bonita ata chegar ao cole onde fun recibida por Rocío quen me fixo lembrar momentos marabillosos de cando fun profesora e titora dela en 3ºESO no xa lonxano curso 1995-96. 

Acompañáronme Anya e Xiana de Marionetas Trécola ademais de Lía, a boneca-Piluca de tea que nos contou o seu soño de coñecer ás nenas e nenos de Ucraína para compartir os seus xoguetes...



Compartimos dúas sesións, unha co alumnado de 5º curso e outra co de 6º, nas que descubrimos moitas cousas arredor de "O agasallo de Anya", pois sempre é unha aprendizaxe mutua e para min moi gratificante. A verdade é que sempre me sorprende a interpretación que as e os lectores fan desas palabras que eu escribín.

Vían necesaria unha segunda parte na que as protagonistas se coñeceses e mesmo viñesen vivir a Sada, xa quedamos en que se matricularían na súa clase o curso que vén ;)






Foi unha xornada marabillosa e chea de emocións. Moitas grazas por convidarme ao voso cole!!!

martes

Volvín á Illa de Arousa!!!

Veño de vivir outra desas experiencias inesquecibles que tanto me axudan a medrar como persoa.

Despois da visita do curso pasado ao alumnado de 6ºA e 6ºB do CEIP Torre Illa na Illa de Arousa, este ano repetín destino xa que me convidaron de novo para intercambiar opinións sobre "O agasallo de Anya" co novo alumnado de 6º que vén de ler a miña novela.

Prepareilles unha sorpresa, pois hoxe acompañáronme na viaxe as dúas protagonistas da novela. Marionetas Trécola agasalloume coas bonecas que representaron a Xiana e Anya no seu espectáculo de monicreques desde o pasado ano 2017.



Estiven co alumnado de 6ºA na súa aula e a continuación co de 6ºB na del desfrutando dunha mañá marabillosa. Malia desenvolver os encontros na aula, houbo un momento para pasar pola biblioteca e fotografiarme con Libria, a súa mascota que sempre me recibe co mellor dos sorrisos e desta volta mesmo me chiscou un ollo.


Coma sempre, foi moi agradable charlar cun alumnado tan motivado e que tan ben comprende, e tan traballada ten, a trama da miña novela. 





E antes de despedirnos, pasei polo seu estudo de radio, Radio Carcamán, para participar nunha entrevista que semellaba realizada por auténticos profesionais do xornalismo. Deixáronme abraiada e case sen palabras!!


Xulgade vós mesmas a súa profesionalidade e comprenderedes a admiración que sinto por esta boa xente. 
Grazas, Ali. Grazas CEIP Torre Illa!!!

A sexta impresión!!!

Por máis veces que ocorra, non deixa de impresionarme a chegada do paquete con novos exemplares de "O agasallo de Anya".

Desta volta ocorreu no pasado mes de novembro, daquela saíu do prelo a sexta reimpresión desta noveliña que tantas alegrías me leva dado. E as que aínda me deparará...!!! 

Moitas grazas a Editorial Galaxia por esta nova impresión e especialmente a todas e cada unha de vós, as persoas que estades detrás de que isto ocorra pois, se non fose pola vosa lectura e recomendacións teríame que conformar con aquela primeira edición de finais do 2013


O dito. Sempre agradecida!!!!

No CEIP nº1 de FOZ!!!

O pasado venres, día 10 de xuño, Xiana e mais eu visitamos un colexio mariñán na que sería a sexta e última visita deste curso 2021-22



Chegamos á bonita localidade de Foz arredor das 12 da mañá cando o alumnado xogaba e merendaba no patio do colexio durante o seu tempo de lecer. Así puidemos ver o contentos que estaban sen máscaras que lles tapasen o sorriso e felices tras "pinchar" as burbullas que lles impedían, desde o inicio da pandemia, xuntarse coas nenas e nenos doutras clases e cursos.

Conteilles un conto e fixéronme moooooitas preguntas sobre a vida das dúas protagonistas da novela, Xiana mesmo atopou dúas tocaias no curso de 5º de Primaria. Ao final, botamos algo máis dunha hora e media moi agradable conversando arredor de "O agasallo de Anya". 




Mesmo nos chegou o tempo para asinar os seus exemplares desta noveliña que tantos bos momentos me fai pasar.



Moitas grazas pícaros e pícaras de Foz. Vémonos no verán!!

luns

No SEI San Narciso de Marín!!

Que ganas tiñamos de que chegase este día tan esperado! O 10 de maio, unha xornada próxima á das Letra Galegas e ideal para conmemorala con noventa nenos e nenas do Colexio San Narciso en Marín.

Non puiden ter mellor recibimento. Esperaba por min a miña amiga da infancia Sara, profesora de lingua castelá en Secundaria e Bacharelato e que me acompañou durante toda a xornada e mesmo na hora do xantar. Unha anfitrioa perfecta. Moitas grazas, Sara.

Entre o alumnado de Marín había oito nenos e nenas ucraínos que fixeron que me ilusionase preparando algún texto que eles puidesen entender... Foi un encontro moi especial.


Despois de facerme unha bonita presentación, departimos durante hora e media sobre "O agasallo de Anya", pero tamén sobre escribir libros, vivir historias, emocionarse e transmitir esas vivencias e emocións. Foi moi divertido e gratificante para min. Esta era a miña visita número 50 a colexios e institutos de Galicia e a verdade é que non puido ser máis especial.

Déixovos unhas fotos para que imaxinedes que gran xornada vivín no San Narciso e entendades que xa estea desexando voltar. 








Fixádevos que precioso photocall foron quen de artellar. Non podía estar máis cargado de cariño e significado. Impresionante!!!






Moitas grazas e ata sempre!!!