sábado

Non quixera espertar

Cando "O agasallo de Anya" xa leva nove meses polo mundo adiante, a min aínda me custa asumir o rol de escritora. Todo o que estou vivindo arredor desta novela segue a parecerme un soño do que non quero espertar.

Entrar nunha librería e atopar "O agasallo de Anya" nos seus andeis, velo a carón de grandes obras da literatura infantil e xuvenil non me digades que non ten todas as pintas de ser un soño...


Ver que unha nena de Primaria ante un exercicio no que se lle pide que cite un escritor, ou escritora, responde poñendo o meu nome e apelidos, non me digades que non resulta difícil de crer... 
(Grazas pola foto, Cova).


Pero o colmo dos soños deuse esta semana cando, tras forrar os libros de texto de Rosalía que cursa 5º de Primaria, ocorreuseme botarlles unha ollada para curiosear os seus contidos.
Tiven que frotar os ollos cando cheguei á páxina 30 e me atopei cunha adaptación de textos de "O agasallo de Anya" e a páxina 31 repleta de exercicios de comprensión lectora baseados na lectura deses textos...



Pois iso, como xa teño dito, MOITAS GRAZAS por acompañarme nos meus soños e non deixarme espertar deles... 


3 comentarios:

Irene dixo...

Mereces todos eses detalles e máis... "O agasayo de Anya" está sendo un éxito, como era de esperar. Eu este ano xa o levei para a aula, para falarlles del ós meus nenos e nenas de segundo, seguro que leremos nel de vez en cando :) Un bico moi grande, que sigas desfrutando deste soño!!

Sabela dixo...

Moitas grazas Irene. Alégrame moito que penses en ler algún anaquiño do libro cos teus nenos e nenas do cole. Xa sabes que se algún día lles queres levar todas esas trapalladas que teño eu (o diario de Anya, a fardeliña de tea de pixama, bonequiños de cunchas, contos en ucraíno...) non tes máis que dicilo e pásochas. Igual lles fai gracia ;)
Un bico e moitas grazas!!!

Irene dixo...

Faralles máis gracia aínda se es ti as que llos levas, estou segura, así que estamos en contacto a ver cando e como o facemos. Un bico grande!