Estou contentísima!!! Veño de chegar do CEIP Castro de Ouro de Alfoz, un cole pequeniño habitado por uns nenos e nenas grandes, moi grandes! Que ben o pasei na súa Biblioteca, moitas grazas por convidarme a facervos esta visitiña.
Así de bonito atopei o vestíbulo do cole cando entrei nel:
Estiven co alumnado de Primaria, pero tamén viñeron ata a Biblioteca as nenas e nenos de Infantil. Que lindos! A verdade é que o pasei de marabilla con todos eles, eu conteilles cousiñas pero tamén elas e eles me contaron a min canto lles gustou "O agasallo de Anya", o ben que o pasan no cole, o moito que lles gusta ir a casa dos seus avós ou xogar por fóra... Dicían ser moi parecidos a Xiana. Madía leva!!! ;)
Ao rematar, fixémonos unhas fotos ben chulas na entrada do cole. Xiana tamén se quixo retratar con Patricio, a mascota da Biblioteca, eles dous tamén fixeron moi boas migas...
E por se toda esta satisfacción e alegría fose pouca, aínda me agasallaron con algo máis: cunhas preciosas palabras, debuxos, pedriñas, cunchas, unha fardeliña, unha chapa, un frasco cheo de tesouros... Menuda tarde máis marabillosa!!
E cando soou o timbre tivemos que dar por rematada a sesión... Marcharon os autobuses coas nenas e nenos de Alfoz pero eu quedei un pouco máis, feliz na Biblioteca, asinando os seus libros para que o luns poidan recollelos cunha agarimosa, sentida e agradecida dedicatoria.
Grazas, moitas grazas!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario