sábado

No cole da Illa de Arousa!!!

Foi unha xornada marabillosa, un día moi especial. O sol saiu cedo e acompañounos ao longo dos douscentos quilómetros que percorremos ata chegar ao CEIP Torre Illa, na Illa de Arousa. Alí, co alumnado de 6º, e parte do seu profesorado, tiven a sorte de pasar a mañá de onte.


A Xiana encantoulle ver o mar e pasear polo Parque Natural do Carreirón. Tamén se sentiu moi feliz de coñecer a Libria, a mascota da biblioteca do cole coa que iniciou unha gran amizade.


Estivemos na aula de 6ºA e tamén na de 6ºB intercambiando un montón de impresións e ideas arredor de "O agasallo de Anya". Fun moi feliz compartindo a mañá con elas e eles, escoitándoos e aprendendo moito de todo canto foron quen de interpretar a partir das miñas palabras na novela que veñen de ler.




Ensináronme os diarios que están a escribir inspirándose no propio diario de Anya -eu tamén lles ensinei o dela- e a continuación dispuxéronse a contarlle aos seus diarios as impresións do noso encontro mentres eu aproveitaba para asinarlles os seus exemplares de "O agasallo de Anya". 

Tamén tivemos tempo para baixar ao patio e facer unha foto diante dun precioso mosaico que están a construír. Alí me agasallaron cun libro que eles mesmos elaboraron e que xa ocupa un lugar moi especial no meu cuarto de estudo. É o meu preferido!


Desenvolvimos tamén unha divertida entrevista para a Radio Escolar e deixáronme realmente sorprendida co seu talento e habilidades como xornalistas!






E por se fose pouca a miña impresión, atopeinos pola tarde na Praia do Bao manexando piraguas cunha habilidade tamén sorprendente. Que risa cando oín que me berraban desde o mar!!!

GRAZAS, moitas grazas, foi marabilloso compartir con vós unha xornada tan especial. 

Ningún comentario: