Alá me fun o pasado luns 26 de maio, a Aguiño, no concello de Ribeira e a case douscentos quilómetros da miña casa. Acompañoume a boneca Xiana e levamos tamén con nós o Diario de Anya na súa fardeliña feita coas perneiras daquel pixama tan suave, no saquiño tamén ía algún que outro segredo máis... Ademais, metemos no maletín tres contos escritos en ucraíno para ensinárllelos no cole e un montón de fotos que queriamos proxectarlles alí, na súa biblioteca.
Teño que dicir que foi fantástico compartir hora e media con aquelas nenas e nenos tan alegres e espontáneos ademais de coas súas profesoras Teresa e Nela. Contáronme o moito que lles gustou a novela e eu non podía sentirme mellor escoitando os seus comentarios tan ilusionantes e comprobando o ben que captaron a historia de Anya e Xiana. Hai que ver que espabilados son!
Despois tivemos un momento para merendar xuntos xa que con esta actividade clausuraron o Club de Lectura e celebrámolo así. Que rico estaba todo e que sorte tiven de que me convidasen!!!
Ao rematar, as nenas pedíronme se podían levar a Xiana de paseo polo colexio para ensinárllela a outras compañeiras e fixéronse unha foto con ela.
Xiana tamén estaba feliz e na viaxe de volta ía emocionada falándome todo o camiño de Carlota, de María, de Andrés, de Uxía, de Mara... de todos e todas!!! ;)
E antes de despedirnos pedíronme que asinase no seu "Libro de visitas" onde intentei deixar plasmado o meu agradecemento por esta tarde tan divertida e gratificante para min. GRAZAS!!!
Ah! Tamén me pediron que lles escribise outro libro para o Club de Lectura do ano que vén... Que lindos son!!! ;)
Desde ese día, sigo as aventuras deste grupiño de nenas e nenos tan xeitosos no seu blog, no Recuncho de Honorata, un espazo que merece a pena visitar para gozar coas cousas tan chulas que nos contan desde o seu cole. Se queredes velo, non tedes máis que premer sobre esta imaxe!
Grazas unha vez máis por esa tarde inesquecible, e polas fotos que mo fan revivir!!!
4 comentarios:
OLA SON CARLOTA, GUSTOUME MOITO O QUE CONTACHES SOBRE NÓS NO BLOG,EU TAMÉN ESTOU MOI CONTENTA . ESPERO QUE ESCRIBAS PRONTO OUTRO LIBRO PORQUE SEGURO QUE O LEREMOS CON MOITA ATENCIÓN E ASI NOS PODES VISITAR OUTRA VEZ.
UN BICO GRANDE E QUE TE RECUPERES PRONTO.
Ola Carlota!!!
Que alegría e que ilusión me fai que escribiras este comentario no blog. Grazas!
Gardo fantásticos recordos da tarde que pasei con vós.
Un bico grande para ti e algún máis para que repartas pola túa clase ;)
Ola, Sabela
Moitas grazas pola visita, e polo teu libro, que foi un verdadeiro agasallo para o noso alumnado do clube de lectura.
Bicos
Nela
Grazas a vós, Nela.
Para min foi unha tarde estupenda: divertida, gratificante, terapéutica, ilusionante...
Un biquiño e ata sempre!!!
Publicar un comentario