Hai uns meses contábavos a sorpresa e alegría que levei ao atopar, no libro de texto de Lingua Galega de Rosalía (5º de Primaria, editorial Santillana), unha lectura adaptada de "O agasallo de Anya" coa correspondente páxina de exercicios de comprensión lectora e expresión oral e escrita.
Aos poucos días contábame Miguel, mestre nun colexio de Marín, que os centros participantes no proxecto E-Dixgal da Xunta dirixido a alumnado de 5º de Primaria e que acceden a un entorno virtual de aprendizaxe no canto de utilizar libros de texto, dispoñen dun tema que se desenvolve tamén arredor de "O agasallo de Anya". De feito, o título dese tema é: Querido diario!
Hai uns días o meu amigo Manolo, que traballa nun centro tamén integrado nese proxecto, facilitoume o acceso aos contidos dese espazo virtual e agradézollo ben pois fíxome moita ilusión ver a adaptación que a editorial Edebé e a empresa de contidos dixitais Netex fixeron das miñas palabras.
Deixovos unhas capturas de pantalla para compartir con vós a satisfacción que eu sinto ao ver que nas aulas tamén se dá a coñecer a historia de Anya e de Xiana.
Nunca tal cousa se imaxinaron elas dúas...!!!
Agradecida!!!
2 comentarios:
Que ben, Sabela, canto aprenden os nenos e nenas co teu libro... E os que non somos nenos e nenas tamén ;) Grazas, unha vez máis!
Grazas a ti Irene, aos teus nenos e nenas e a todas cantas persoas se achegan a "O agasallo de Anya".
Para min non hai mellor satisfacción. Un bico!
Publicar un comentario