Desde o pasado mes de outubro estaba programada a miña visita ao CEIP de Cervo para celebrarmos xuntas o Día do Libro. Así foi como, cinco meses antes de vernos, xa intercambiamos opinións a través deste mesmo blog ;)
Con frecuencia, cando preparo a visita a algún colexio ou instituto, visito a súa páxina web e a miúdo tamén o blog da Biblioteca Escolar. Así foi como desta volta atopei un auténtico TESOURO, algo que me pareceu incrible á vez que me encheu de emoción: inspiradas en "O agasallo de Anya", as nenas e nenos do colexio de Cervo artellaron unha recollida de material escolar para enviar ao Sahara este verán. Foi fantástico poder levarlles en man un paquetiño coa miña humilde aportación de lapis e cadernos. Que satisfacción!
Se os preliminares foron así de bos, a visita ao cole aínda resultou mellor. Nada máis chegar, atopei esta emocionante benvida que non me sacou un sorriso porque xa levaba meses con el posto ;)
Encantoume descubrir o enorme traballo de investigación que desenvolveron para coñecer un chisco mellor ese lonxano país: Ucraína, e comprender así a singular vida dos personaxes de "O agasallo de Anya". Que ben documentados estaban e cantas inquedanzas tiñan!
Puca é a mascota da Biblioteca quen, como non, fixo moi boas migas con Xiana. É moi curiosa, por iso as nenas e nenos de 5º axudáronlle a satisfacer esa necesidade de aprender a través dun especial "Puca quere saber..." que trouxen para a casa como agasallo deles.
Falamos moito. Conteilles "O soño de Xiana" e expliqueilles algunhas cousiñas sobre a infancia ucraína... e galega tamén.
Agasalláronme cun libro moi especial que elaborou a clase de 4º coa súa mestra e nada menos que un "chamador de anxos" que fixeron as nenas e nenos de 6º curso con cunchas das praias da Mariña Lucense ben seguros de que me ía gustar porque -din eles- a Anya encantaríalle... Abofé que si! Desde aquel día loce así de bonito no salón da miña casa. ;)
Grazas!!!
2 comentarios:
Moitas grazas, Sabela, pola túa visita!!! Aprendemos un montón sobre outras realidades. Complácenos moito que che gustasen os nosos agasallos, sempre terás un recunchino no noso corazón, na nosa biblio e agardamos que loguiño nos agasalles ti con outra fantástica historia!!!! BICOS A MARES!!!
Grazas a vós. Foi fantástico compartir a tarde na vosa Biblioteca e no voso Colexio. Biquiños para todas e cada un de vós ;)
Publicar un comentario