sábado

Club de Lectura "Lendo contigo"

A experiencia que vivín o pasado día 29 en Gondomar foi fantástica.

O primeiro que quero facer é agradecer ao equipo do Club de Lectura (Anxo, Yaiza e Luis) o seu convite para compartirmos unha bonita e soleada mañá de inverno. O segundo é felicitalos polo marabilloso labor que están a desenvolver, proba diso é a asistencia de máis de trinta nenos e nenas á Biblioteca Municipal acompañados polas súas familias. E o terceiro, contarvos coa axuda das imaxes que eles mesmos me facilitaron, o gratificante que foi a actividade para min.

Abriu o acto Anxo realizando coas cativas e cativos as actividades que lles propuxeran desenvolver ao longo do mes. Mentres tanto, eu contemplaba atónita e sorprendida os coñecementos que adquiriran sobre a novela e o ben asimilada que tiñan a historia de Anya e Xiana. Impresionante!









Despois deume paso a min que seguín gozando cos seus coñecementos, inquedanzas, curiosidades, contándolles o conto "O soño de Xiana" que eles mesmos me axudaron a traducir de ucraíno a galego e contándolles as ideas e experiencias persoais que deron lugar ao libro.









Finalmente asinei un bo número de exemplares e recibín os parabéns destes fantásticos lectores e lectoras. Entre eles, unha nena e a súa irmá pequena que se chamaban Xiana e Uxía... Que bonita coincidencia!!!






Feliz, contenta e agradecida a Espazo Lectura despedímonos das nenas e nenos do Club "Lendo contigo". 
Ata sempre!!!



Ningún comentario: